Sunday 28 de April de 2024

Román Rodríguez sinala a ampliación da Rede de Centros Integrados como unha das principais accións estratéxicas para o impulso da Formación Profesional


― O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade explica que a creación de tres novos CIFP o vindeiro curso incrementará a oferta nunha vintena de ciclos e 500 prazas

― Así mesmo, afóndase na especialización destes centros arredor de familias profesionais como as de Sanidade ou Hostalaría e turismo, entre outras

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, sinalou hoxe no Parlamento de Galicia a ampliación da rede de Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) como unha das principais accións estratéxicas da Xunta “para impulsar de maneira especial as ensinanzas de FP, que son sinónimo de calidade, de innovación e de empregabilidade”. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que, de feito, a creación de tres novos destes centros de cara ao vindeiro curso permitirá incrementar a oferta en arredor dunha vintena de ciclos e 500 prazas.

Así mesmo, a creación do CIFP Universidade Laboral de Culleredo reforzará especialización da súa oferta nas familias profesionais de Actividades Física e Deportivas e de Enerxía e Auga; o CIFP Leixa consolidarase como referente na de Sanidade, mentres que o CIFP Fraga do Eume pasará a impartir case todos os ciclos da familia profesional de Hostalaría e turismo.

“Ao longo destes meses –explicou Román Rodríguez– a Consellería realizou unha análise dos institutos que imparten FP en Galicia, encamiñada a estudar aqueles que poderían transformarse en CIFP para ampliar a Rede e actualizar a oferta de ciclos”, de onde se deriva a transformación dos devanditos centros, co obxectivo de “dar cumprimento a un acordo parlamentario”, explicou
Necesidades do alumnado e as empresas

Neste momento a rede de CIFP está integrada por 20 centros, “unha rede que, ademais, conta xa co recoñecemento do Sistema de Xestión da Calidade da Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR), baseado na norma internacional ISO 9001”, destacou. “Estes centros concentran o 45% da oferta de FP inicial ou regrada que se imparte en Galicia”, explicou o conselleiro.

“O interese da Xunta de Galicia por incrementar a rede de CIFP baséase –dixo– no convencemento de que poden contribuír a mellorar a oferta de FP, atendendo ás necesidades formativas para adaptar as ensinanzas de Formación Profesional ás necesidades de alumnado e empresas e aproveitando as sinerxías e oportunidades que ofrece a situación destes centros, fundamentalmente nas cidades.

Neste sentido, o conselleiro explicou que, precisamente aproveitando estas sinerxías, a Xunta está a traballar xa para que os CIFP impartan a partir do vindeiro curso unha ampla oferta de Másteres de FP, “de xeito que logremos especializar a formación que os estudantes reciben nos ciclos e potenciar aquelas áreas cunha amplísima demanda no mundo laboral”.